As iranianas Nilufar Hamedi e Elahe Mohammadi gañan o Premio José Couso á Liberdade de Prensa

As xornalistas foron condenadas a prisión por informar sobre o caso de Mahsa Amini u A organización do galardón esixiulle ao Goberno iraní que garanta a súa seguridade

As xornalistas premiadas

As xornalistas premiadas / La Opinión

As xornalistas iranianas Nilufar Hamedi e Elahe Mohammadi, coñecidas por informar do caso de Mahsa Amini e condenadas a prisión polas súas informacións, son as gañadoras da XX Edición do Premio José Couso de Liberdade de Prensa, organizada polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) e o Club de Prensa de Ferrol, coa colaboración do Concello de Ferrol.

O galardón anunciouse onte no Concello ferrolano, nun acto que contou coa presenza de Francisco X. González Sarria, decano en funcións do Colexio de Xornalistas; Julia Díaz Sixto, presidenta do Club de Prensa de Ferrol; Darío Janeiro Pereira, secretario do Premio José Couso, e José Manuel Rey Varela, alcalde de Ferrol.

O secretario do Premio José Couso de Liberdade de Prensa, Darío Janeiro, deu lectura á acta da resolución do premio. A semana pasada, nun acto que tivo lugar en Santiago de Compostela, procedeuse ao reconto dos votos emitidos, o cal foi supervisado polo notario José Ignacio Feijoo Juarnos, do Ilustre Colexio Notarial de Galicia, quen deu fe do reconto na acta número 202 do seu protocolo. Feito o reconto de votos validamente emitidos, resultou gañadora a candidatura das xornalistas iranianas Nilufar Hamedi e Elahe Mohammadi.

Imposible falar con elas

O entorno das xornalistas informou á organización da absoluta imposibilidade de tan sequera falar con elas para facerlles chegar a concesión do galardón, por medo a que sufran represalias se manteñen algún tipo de contacto con organizacións de xornalistas no exterior. Desde a organización exixiuse ao goberno de Irán que garantan a seguridade de Nilufar Hamedi e Elahe Mohammadi, e cesen a continua persecución que están a sufrir nese país as xornalistas e as mulleres en xeral.

Na súa intervención, o secretario do premio lembrou que este certame, do que se cumpren 20 anos, naceu “cunha dobre intención: non deixar caer no esquecemento o asasinato de José Couso e de Taras Protsyuk, e recoñecer e reivindicar o labor que fan os profesionais da información”. Sinalou tamén que as catro candidaturas desta edición (Wael Al-Dahdouh, Pablo González, Nilufar Hamedi e Elahe Mohammadi e Fran Sevilla) son un fiel reflexo da situación mundial da liberdade de prensa en lugares como Gaza, Ucraína, Irán ou mesmo a propia Unión Europea. De aí que este galardón sexa “unha chamada de atención anual” que demostra “que os motivos que nos levaron a crear este premio seguen estando vixentes”.